Xa utilizades o método científico no voso día a día

Nos últimos tempos lin algún artigo no xornal que cuestiona o coñecemento científico, alén de coñecer a bastantes persoas que renegan da ciencia dende unha postura solipsista. A verdade, sorpréndeme bastante e vou tentar afondar na causa. O primeiro argumento que se me ocorre é que dar as costas á ciencia aplicada, dunha maneira total parece hoxe case imposible para a maior parte do mundo occidentalizado. Hoxe mesmo, estou a escribir grazas ao coñecemento e dominio da electricidade, do coñecemento dos elementos químicos que forman o meu computador, das súas propiedades, do plástico derivado do petróleo, cada vez compramos máis en internet … En fin, que existen moitas facetas na nosa vida, que non nos enganemos, son mudadas case imperceptiblemente.  Se é para ben ou para mal ese xa é outro cantar. Afondemos un bocado máis en argumentos menos evidentes.

No primeiro curso de bacharelato o método científico é explicado na materia de Física e Química. Indirectamente hoxe como profesora sei que é xa explicado en segundo da ESO — ver figura 1-  e é dado por suposto no sistema educativo actual (1). A alfabetización científica é un reto do que se fala no currículo educativo, que se explica no Real Decreto 1631/2006 do 29 de Decembro  polo que se establecen as ensinanzas mínimas correspondentes á Educación Secundaria Obrigatoria. (2)

anaya

Todas as xeracións que pasamos polo bacharelato de ciencias estudamos, con máis ou menos profundidade, que o método vén do século XVI e XVII.Que Galileu Galilei (1561-1626) foi o que postulou este método. En filosofía que René Descartes (1596-1650) desenvolveu a validez do método dedutivo.Tamén se estuda que isto foi xa debatido polo filósofo Francis Bacon na súa obra no século XVI (3). Xa se estudaba a táboa dos elementos de Mendeleiev en 2º da ESO, de daquela oitavo de  EGB.

A partires da explicación explícita, cada quen, fai o que considera:

estuda e non asume, pensa e asume, pensa e declaran que non existe un mundor real exterior independente da conciencia- asumindo unha postura filosófica solipsista- ou ben asumen que  o mundo se pode entender pola introspección e meditación totalmente, declarándose metafísic@s.

Eu estudeino, pareceume lóxico e na altura non lle din moita máis volta. É unha explicación racional, fóra de interpretacións subxectivas de fenómenos que xa preocupaban e producían curiosidade desde que o intelecto se desenvolveu, e é a base de moito de todo o coñecemento actual. Había un longo camiño por diante para pararse demasiado e o selectivo estaba preto.

Posteriormente estudei enxeñería onde as letras representan ecuacións que representan fenómenos físicos. As linguas que eu estudara no bacharelato- galego, castelán, inglés e francés- quedaron á marxe durante máis de cinco anos para moverme na linguaxe matemática da física e da química e da modelización de fenómenos que ocorren no día a día como a transferencia de calor dun corpo a outro.  Damos por supostas tamén as derivadas que desenvolveron no século XVI por Leibniz (4) e as integrais que custaron moitos séculos de construción de coñecemento matemático.

Na etapa de doutoramento e investigación utilicei o método científico utilizado hoxe en día por toda a comunidade científica: (3)

  1. Observación do fenómeno.
  2. Análises e hipóteses
  3. Experimentación e validación da hipótese.

Case inconscientemente, a xente que nos adicamos á ciencia asumimos dúas hipóteses (5) como base:
– Existe un mundo exterior real e independente do noso acto de coñecemento.
– O mundo físico non é cognoscible directamente na súa totalidade.

Así, a primeira hipótese non é demostrable, mas o espírito solipsista -se ben inatacable dende un punto de vista lóxica ou formal- é incompatible coa mente científica, comezada a formar por volta dos dezasete o dezaoito anos.

O debate sobre o que é ciencia e non é ciencia foi obxecto de estudo por disciplinas como a antropoloxía social, a filosofía da ciencia e socioloxía do coñecemento. Mas a perspectiva que eu comparto é a do físico e filósofo Jonh Ziman,  que postula que o diferencia  ao coñecemento científico de outros produtos intelectuais é o feito de que os seus contidos son cosensibles. (3)

Isto inevitablemente restrinxe o contido da Ciencia. Refire que os mensaxes entre científicos e as explicacións dun fenómeno deben ser o suficientemente claras e carentes de ambigüidade de maneira que o resto da comunidade científica poida aceitalas ou poñer obxeccións ben fundamentadas-requírese unha linguaxe inequívoca (como a matemática)-. Ademais postula que o intercambio de información sería inútil se non se refire a acontecementos reconocibles da experiencia e que poidan ser reproducidos por outr@s científic@s. (3).

Para ben e para mal cando falamos da ciencia non falamos da alquimia. Segundo comenta William H. Brock en Historia de la Química (6) a alquimia estaba relacionada cos grandes interrogantes espirituais do ser humano. Honestamente, @s cientistas avanzamos individualmente moi pouco a pouco no coñecemento desas grandes preguntas e colectivamente aínda estamos moi lonxe de poder chegar a responder a moitas das preguntas. Dependemos do desenvolvemento da tecnoloxía. Os nosos pasos son lentos, graos de area no infinito mar que hoxe é o coñecemento humano. Incluso os experimentos do acelerador de partículas da Suíza no que participan 21 estados e miles de persoas nos dá un pequeno coñecemento sobre como é a materia no máis íntimo. É un coñecemento en construción pero que nos fala de preguntas que xa Demócrito tentou responder coa súa primeira teoría do átomo. Temos unha aproximación máis exacta do que daquela, hai 2500 anos, mas aínda inconclusa.

metodo científico

Sen embargo, non é algo que só se poida facer dentro dun laboratorio con bacterias, ecuacións, coñecemento desenvolvido e aplicado por miles de matemátic@s, biólog@s, químic@s e físic@s que podemos aplicar na nosa casa. A observación, a formulación de hipóteses, o teste que nos valida a hipótese e a conclusión é unha ferramenta que utilizamos no noso día a día. Vou pór un exemplo sinxelo que acho que vai dar para que todo o mundo o entenda. Se unha lámpada non aluma, observamos que non aluma -fase de observación-, preguntámonos a causa e postulamos dúas alternativas: ou a lámpada está queimada, ou a pila precisa de ser mudada -hipótese-. Se mudamos a pila e a lámpada aluma, a primeira hipótese é correcta. -Fase de experimentación e validación da hipótese-. Velaí na figura 3 un deseño que o ilustra (7). A que xa practicades o metodo científico no voso día a día?

 

 

 

Referencias:

(1) S. Zubiaurre; J. Hernández; J. Martínez, M.C; Osuna; C. Plaza. Ciencias da Natureza. 2º da ESO. Editorial Anaya.

(2) Páxina do Ministerio de Educación disponible online en: http://www.mecd.gob.es/educacion-mecd/areas-educacion/sistema-educativo/ensenanzas/educacion-secundaria-obligatoria.html

(3) Temario Volumen I Cuerpo de Profesores de Enxeñanza Secundaria. Física y Química. Física I. Editorial Mad.

(4) Abellanos. L; García Arribas, J.C; Martínez Ontalba, C. Matemáticas. 2º Bachillerato. Logse. Editorial Mc Graw Hill.

(5) Martín, J;  Fraile, J.F, Alonso; A. Física y Química. 1º bachillerato.Ciencias de la Naturaleza y la Salud. Pax-13  Editorial Santillana.

(6) H.Brock, W. Historia de la Química. Ciencia y Tecnología. Alianza Editorial.

(7) Fazendo Ciência. Ecologia de Populaçoes. Prof. Harold Gordon Fowler. Slideshare.

 

 

Isabel S. Vijande
Engenheira Química em Centro de Estudos Espiral
Engenheira química com DEA e Mestrado em Educaçom. De experiência militante na defesa da terra com Verdegaia e na defesa da língua com a criaçom das Escolas de Ensino Galego Semente. Feminista e co-fundadora do Centro de Estudos Espiral. Biografia completa e currículo.

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*